(Publicado en A NOSA TERRA)
Autor: Armando Requeixo
O ollo pecho e outras
historias desagradables
Hai libros que chaman por un dende o desconcerto. Son obras que te intrigan dende o primeiro momento, textos aos que rodea un enigmático veo que fascina.
Tal acontece, coido eu, con O ollo pecho e outras historias desagradables, volume narrativo que editaba en 1989 unha Sotelo Blanco Edicións daquela aínda radicada en Barcelona e que reunía historias rematadas de escribir tres anos antes
(...)
que se contan, a meu ver, entre o máis innovador da escrita do seu tempo.
O ollo pecho é unha ácida noveleta negra, protagonizada por un mozo que se ve atrapado na súa propia circunstancia e inicia unha fuxida cara adiante que o leva ata un final de violencia témera e abouxadora. Un relato que consegue crear un moi logrado clima de tensión crecente, de abafo irracional e asemade explicable polos acontecementos, cunha linguaxe áxil coma un estilete a rachar a pel das palabras pero que, ao tempo, deixa nas filigranas que debuxa na derme da verba requintadas pingas de estilística e un dominio do fraseo e a semántica do slang hampón moi acabado.
Todo o rupturismo antiheroico, todo o retrato contrasocial, toda iconoclastia ante o establecido, todo reflexo dunha estética do desencanto, toda descrición de posfracaso, en fin, toda escrita subversiva e orixinal que queira hoxe apórselle a iso que algúns deron en denominar Xeración dos Peixes xa estaba en O ollo pecho e, dito sexa de paso, cunha altura narrativa que os autores desa suposta xeración (que seica non se ocupan da lectura da nosa tradición literaria) farían ben en considerar, mais que nada para saber que é o que teñen que igualar e, se poden, superar.
Quen revisite estas páxinas sen dúbida apreciará o neorromanticismo surreal e tráxico de «Flamingo», o enlevo onírico e decadentista de «A señorita R» e aínda o bíblico-oracular e simbólico de «Historia breve dun home sen sorte», mais quero eu agora chamar a atención sobre «Saída ao espacio exterior», un relato de ciencia ficción ao que talvez non se deu a importancia debida, pois coido que a vivencia agónica que describe a través dunha viaxe espacial solitaria dun único individuo que sulca o Espazo durante anos para acharse cunha inesperada sociedade de autorreduplicación trouxo ás nosas letras o mellor do Clarke do eterno circular e o Heinlen do paradoxo espazo-temporal.
O ollo pecho e outras historias desagradables regalounos unha escrita baudelairiana, dospassiana, ecléctica por definición e avanzada ao seu tempo que convén recuperar.
Ler as súas historias é regresar ao mellor dunha década que cimentou o edificio literario que no presente teimamos en erguer.
-