PEQUENAS ACHEGAS Á LITERATURA FRANCESA


 

O feito de que o asasino da novela Babylone, de Yasmina Reza, leve unha cazadora de Zara, pódese considerar unha contribución de Galicia á literatura francesa?

HUUUUUU QUE SE ACABA O MUNDO!

Co gallo da pandemia coronavírica, lembran algúns que non sei quen xa anticipou que... E que autores houbo que agoiraron esta situación. 

Dous destes dicentes, sen dúbida seguidores do programa El cuarto Milenio, onde o feito de premer un interruptor na parede e que se acenda unha lámpada no teito é considerado un fenómeno paranormal digno de estudo, empregan o mesmo adxectivo para cualificaren eses agoiros: Lúcidas profecías. Au!


A dificultade de predicir unha epidemia, só é comparábel á de adiviñar que día virá despois de mércores. Cómpre talento profético, pois, e debémonos axeonllar ante a lucidez deses xenios. E non importa se
raro é o século que se libra dunha pandemia, e que epidemias haxa polo menos unha cada ano: a da gripe, que en anos mansos escabecha miles de persoas en todo o mundo, e os anos en que o virus vén revirado, coma nos sesenta, manda para a cova centos de miles de individuos malia as vacinas e os anticorpos. 

Unha frase que estes cuartomilenistas adoran: despois disto nada volverá ser como antes. Macacada repetida ao longo da historia, que a propia historia se encarga de desmentir unha e outra vez, porque como di o refrán: quen xogou, volverá xogar. Ou como dixo o clásico: as persoas non cambian, envellecen.


Curiosamente, case ningún deles describe esas fondas mudas que prevén.


Uns poucos arriscan. Un di que isto vai supor a desaparición das grandes cidades.


Carafio! A partir do ano que vén, Nova York, Londres e París comezarán a ser desmontadas.


E que se fará? Serán substituídas por casas unifamiliares de planta baixa a unha distancia de cen metros unhas das outras?...  Non creo, porque para aloxar as familias que agora enchen un bloque de quince plantas, precisaríase un espazo de seis quilómetros lineais.


Descomporán Nova York en cento vinte cidades de setenta e cinco mil habitantes? 


Ou seguirán o douto consello de Alphonse Allais?, quen recomendaba:  Para que as grandes cidades sexan máis sas, hai que construílas no campo, porque alí o ar está máis limpo.

 
Os fortes prezos e a inseguridade criminal baleirarán as grandes cidades antes que as epidemias.

Un destes videntes prognostica que a Covid comportará a morte dos grandes centros comerciais.

Os centros comerciais atópanse hoxe baleiros porque á xente non a deixan saír da casa, se non, con pandemia ou sen ela, seareiros non lles habían faltar. Non esquezamos que as rúas están desertas por unha orde estatal, non porque á maioría da xente lle dea medo saír e pasear por elas


A RECONFORTANTE VELLA EUROPA

Despois da decisión da editorial Grand Central Publishing de non publicar Apropos of Nothing, libro de memorias de Woody Allen, por causa das protestas de Ronan Farrow e outros representantes –quéirano eles ou non do puritanismo histérico americano (véxase máis abaixo a entrada Liberdade baixo sospeita), resulta reconfortante atoparse coa reacción da editora italiana de Allen, Elisabetta Sgarbi, quen di:

«Eu decidín publicar o libro porque os libros deben ser publicados. Logo, cada un ten a liberdade de lelos, de ignoralos, de detestalos ou de esnaquizalos.


Se tivésemos que ter en conta a conduta moral ou os antecedentes penais dos artistas, as bibliotecas e os museos estarían baldeiros. A arte e o xuízo estético teñen unha autonomía sacrosanta respecto da moral. 

Non admiramos a Caravaggio, que foi un asasino que escapou á lei? Non lemos a Passolini, que tamén tivo problemas coa Xustiza? Unha cousa é unha condena xudicial e outra o xuízo estético dunha obra de arte.


A liberdade debe ser absoluta na arte e na literatura. Censura preventiva, xamais!»


LIBERDADE BAIXO SOSPEITA

Hai unhas semanas, a editora Grand Central Publishing, filial americana da francesa Hachette, anunciaba a inminente edición das memorias de Woody Allen, baixo o título Apropos of Nothing. Días despois renunciaba á súa publicación.

Por que?

Porque Ronan Farrow, fillo de Mia Farrow, a ex-parella de Allen, quen publica na mesma editora, ameazou con mudar de editorial se Grand Central Publishing lanzaba o libro. 


O anuncio da publicación orixinou protestas contra a editora. Algúns empregados da mesma chegaron a manifestarse en contra de sacar ao mercado as memorias dun apestado social, categoría á que Allen pertence despois das acusacións de pederastia feitas polos Farrow contra el. 
      
Por medo a un boicot promovido desde as redes sociais, a editora desistiu da publicación ao tempo que nun comunicado patético se xustificaba dicindo que eles pensaran publicar o libro porque a súa política consiste en que voces diversas e puntos de vista contraditorios poidan ser ouvidos. Faltoulles engadir: sempre e cando non amolen ao señor Farrow. 


Outra filial de Hachette, Stock, tiña previsto sacar a versión francesa esta primavera. En Francia, onde Allen é querido e admirado e onde o bo rendimento dalgúns dos seus filmes contrabalanzou as perdas no mercado americano, o libro non corre o risco de topar co rexeitamento dunha beataría fanática á americana , mais... a editorial deixou en suspenso a publicación. Suponse que para sopesar os efectos que esta podería ter no mercado USA. *


O caso de Woody Allen constitúe unha mostra exemplar de como funciona a Inquisición das redes sociais e dalgúns medios de prensa que lle andan á par.

 
Allen e Mia Farrow tiñan unha relación desde había anos e algún fillo adoptado en común, mais non convivían. Ao saber Farrow que Allen e unha das fillas adoptadas desta, Soon-Yi (daquela xa maior de idade), se namoraran, enfureceuse. Pouco despois acusou a Allen de ter abusado de Dylan, unha nena de sete anos filla adoptiva de ambos. Como demostración, gravou un vídeo en que a nena aparecía espida (o que sería moi criticado) confesando eses supostos abusos nun celeiro. 

O rebumbio da nova foi mundial e, como de costume en casos sexuais, o home foi socialmente declarado culpábel antes de saberse o que acontecera realmente.

As autoridades fixeron dúas investigacións exhaustivas que duraron catorce meses. Nelas recorreuse a institucións especializadas en abusos a menores e entrevistouse a todos os que trataban decote coa nena (pais, familiares, coidadores, mestres, persoal doméstico, etc. ) que contaron canto viran e observaran na relación de Allen coa súa filla.

Malia o empeño condenatorio do xuíz instrutor, quen, ante o renome do acusado e a publicidade conseguinte, estaba máis interesado en facer carreira mediática que en facer xustiza –en España houbo un xuíz que era un paradigma nese aspecto–, non se chegou a instruír unha causa penal contra Allen porque nas pescudas, que como digo duraron catorce meses, non se achou indicio ningún que permitise soster unha acusación para sentar o actor no banco dos reos. A Policía, pola súa parte, manifestou que as versións que a nena daba dos feitos eran vagas, contraditorias e nunha delas mesmo admitíu que nunca estivera co seu pai no celeiro.

Pese a que non houbo proceso, porque non se atoparon indicios de que nos feitos denunciados polos Farrow houbese o mínimo asomo de verdade, Allen xa fora declarado culpábel polo Inquisición popular. Por riba, cando xurdiu o movemento #MeToo, Dylan volveuno acusar daqueles abusos sexuais, engadindo desta vez un elemento novo: que Allen montara un tren en xoguete en todo o celeiro para entretela e abusar dela. Un irmán da rapaza desmentiría a desmontaría esta versión ao explicar que a distribución e o mal estado do celeiro imposibilitaban a montaxe dese suposto tren. 

A inquisición popular, na que se inclúen xornais coma o New York Times, facendo caso omiso das exhaustivas pescudas realizadas no seu día, que probaban a inexistencia de tales abusos, recomenzaron o linchamento público de Allen. Como consecuencia, Amazon, produtora do último film de Allen, A Rainy Day in New York, negouse a distribuílo, o que secundaron outras distribuídoras americanas, quedando o filme inédito nos EUA. Distribuidoras estranxeiras exhibiríano no resto do mundo. 

Allen pena agora para completar o reparto dos seus filmes, pois os actores americanos non queren traballar con el por medo a entraren na lista negra dos Mccarthystas.


Esta nova ditadura, que determina quen pode publicar, filmar ou cantar e quen debe ser confinado no Molokai dos leprosos, resulta, como dicía hai pouco un avogado, moito máis perniciosa que a censura estatal, pois mentres que nesta existe unha lexislación fronte á que se pode recorrer, fronte á outra a indefensión é absoluta

 

* Stock publicaría finalmente o libro en maio de 2020.

AFIRMACIÓNS CON RISCO

Dicía hai pouco un político galego reconvertido que a coligación de diversos partidos ou movementos políticos de cara as vindeiras eleccións autonómicas «responde a esa unidade de acción política que reclaman os cidadáns, que son sumamente intelixentes».

Deixando a unha banda a irrespectuosa teima dos políticos de dividiren os cidadáns en intelixentes (os que os votan a eles) e parvos (os que votan a outros), e a escarallante propensión a sentiren clamores populares que chaman por eles, a afirmación que fai este político resulta de alto risco en vésperas dunhas eleccións. Porque, no caso de que esa coligación política non acade votos dabondo, que debemos pensar? Que os cidadáns non son tan sumamente intelixentes como se cría e que por iso non lle deron os seus votos? Ou que, polo contrario, si que son sumamente intelixentes e que por esa razón votaron a outros? 

Da profecía ao ridículo pode haber media migalla.