UNHAS PREGUNTIÑAS POR MATAR O TEMPO

Por que a Academia galega da lingua, á hora de escoller entre dúas formas galegas vivas, caír e caer, unha coincidente co portugués e a outra co español, elixe a segunda e proscribe a primeira?
Por que a RAG, se hai que denominar un produto cun nome que vén do latín mustum, o que no francés derivou primeiro en moustarde e logo en moutarde, e no italiano e portugués en mostarda, escolle o español mostaza para o galego?

Por que a RAG, á hora de importar o vocábulo da xerga inglesa vamp (muller fatal), que pasou ao francés e ao italiano coa mesma forma e ao portugués como vampe, elixe para o galego o español vampiresa?
 
Por que a RAG lle dá prioridade á voz coincidente co español salsa, e pon nela as diferentes definicións (salsa boloñesa, cazadora, etc.), e non á galega mollo?

Por que a RAG, cando agrega novos vocábulos, prefire os españois ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito aos portugueses cibercriminalidade, cibercriminal e cibercrime?

En que lingua está escrita esta definición do dicionario da Academia, composta de once palabras: Forma verbal latina que equivale a un participio de futuro pasivo?

Canto tempo cumprirá no futuro para limpar do dicionario da Academia os inventos lingüísticos do profesor Bacterio?

POESÍA DE RÚA (II)


"Ninguém ama tão desalmadamente 
como o actor..."

Discutíbel afirmación do poeta Herberto Hélder.

LEONOR SOTO REGUERA

Nada en Ortigueira o 21 de xaneiro de 1878, filla de boa familia (avogados, notarios, procuradores...), foi o que se chama «unha muller de temperamento».
Temperamento que comezou a amosar cando se namorou dun avogado andaluz, Carlos Luis de Funes de Galarza, sete anos máis vello ca ela, eventualmente reconvertido en comerciante de xoias (lato sensu).
 Os pais de Leonor Soto pecháronlle a cancela aos amores e a un posíbel casorio, pois se ben o andaluz viña de boa casta e era home de estudos e licenciaturas, o nomadismo e as actividades comerciais –algo fuleras–  ás que se dedicaba non lles enchían o ollo. 

O tempo, como nel é costume, acabou dando a razón aos pais.
 

Así as cousas, a Leonor díxolles aos seus proxenitores –estamos a falar dunha moza do ano 1904–, que o quixesen ou non, ela marchaba co andaluz (un dos seus netos escribiría un século máis tarde que, coñecendo a afouteza da súa avoa, podíase crer tranquilamente que era capaz de descolgarse pola xanela para fuxir co namorado).

Os pais de Leonor Soto, ante o inevitábel dos feitos, aviñéronse á voda e déronlle unha boa dote, ademais dunha renda mensual para que se estabelece co seu mozo... lonxe. En concreto, nunha especie de palacete, con criados incluídos, sito en Neuilly-Sur-Seine, localidade que París enguliu.
 

O pai, o avogado Teolindo Soto, esperaba que o seu xenro, xurista el tamén, sentase a cabeza e exercese como tal en París. Este transixiu –aínda que a cabeza seica a sentaba máis tempo nos bares e nas casas de xogo que nos xulgados– até que un día decidiu pendurar a toga, que moi gasta non a tiña, e tornar ao negocio das xemas.
Por aquel  tempo, a Leonor xa parira os dous primeiros fillos, María Teolinda Leonor Margarita e Teolindo Carlos.


CANDO OS VENTOS MUDAN
A historia foi furrulando até o día en que ao Carlos Luis lle desapareceron as alfaias, cedidas en depósito por un xoieiro para que as vendese –disque un cliente arramplou con elas sen pagarllas, mais vai saber ti–. O xoieiro (comprensibelmente, pois somos humanos)  non estaba disposto a perder o diñeiro, así que o bo do Carlos Luis, para saldar a débeda, botou man ao agacho da dote da Leonor e deixouna sen un can.
Cando ela o soubo, a piques andou de esganalo (o amor pasional ten eses ataques e as mulleres con temperamento, tamén).


Forzada pola conxuntura, Leonor Soto recorreu ao seu pai. A este deulle un infarto e morreu. Con el esvaéronse a posibilidade de valemento e a paga mensual que viñan recibindo desde que casara.
 A nova situación obrigouna a despedir o cocheiro (da calesa), a criada e a cociñeira e a mudarse do palacete a un apartamento en Courbevoie.


UNHA GUERRA PODERÍA NON VIR MAL
Os rumores de guerra intensificábanse naqueles días.
O Carlos Luis –o home era emprendedor– decidiu dedicarse á cría de coellos (de polos, segundo outras fontes), pois deduciu que coa guerra había vir de ganchete a fame e que a demanda de comida sería forte, polo tanto alí había negocio. A Leonor, preñe de oito meses, vendía mentres artigos de pel.

O trinta e un de xullo de 1914 nacíalle o terceiro e último fillo, Louis Germain David. Dous días despois a Alemaña declaráballe a guerra a Rusia e ao día seguinte a Francia, porén... os alemáns non asediaron París, a fame negra non deu vido e o negocio dos coellos foise ao carallo empobrecéndoos aínda máis.


Malia os infortunios e a penuria, Leonor  Soto educou os fillos como ela fora educada: aprendeunos a se comportaren conforme as regras da boa sociedade e até lles proporcionou clases de piano.

Ela seguía a vender artigos de pel mentres que o seu home, seica moi popular en todos os bares do distrito, decidiu, despois do revés cos coellos, volver á angueira das xoias, esta vez presentándose –a cousa varía segundo a fonte– como vendedor de esmeraldas ou negociante de perlas finas.
A auténtica perla fina, tal como os pais da Leonor osmaran, resultou ser el, pois por aquel entón a familia mantíñase das vendas que ela facía.



UN SUICIDIO DE SAINETE
Certo día de 1926, as alpargatas e a carta de identidade –ou unha carta de despedida, de crer outras versións– do Carlos Luis apareceron á beira dun canal no que tiña trazas de ser un suicidio, aínda que, como dixo o outro: querer matarse e pór tanto tento en non mollar as alpargatas, ben non cheira. E ben non cheiraba. O corpo non apareceu. Leonor Soto sabería meses despois que o seu home se fora a Cuba e de alí a Venezuela.

De carácter resoluto e cunha vontade de ferro, mercou unha pasaxe de barco na clase máis económica, pois cartos onde eles estaban!, e nunha viaxe de quince días para a ida e outros tantos para tornar, foise a América en busca do seu home ela soa, algo sorprendente naqueles anos, o que movería a outro dos seus netos, ao falar desta viaxe, a escribir que a súa avoa fora realmente unha muller admirábel. 

Atopouno e tróuxoo para Francia. O andaluz viña podre de saúde, tuberculoso seica, e morrería en 1934.

As desgrazas habían continuar. O trinta –o vinte segundo outras fontes– de maio de 1940, Carlos, o seu fillo grande, caía morto nos combates das Ardenas; un duro golpe para Leonor Soto Reguera e os seus.

                                                                                           –segue–


FOTOS E TAL
1) Leonor Soto Reguera de moza.
2) A foto da Leonor Soto madura, está tomada do libro de Patrick et Olivier de Funès: Ne parlez pas trop de moi, les enfants ! (éditions Le Cherche Midi)
3) A reprodución do certificado consular está collida do libro de Jean-Marc Loubier: Louis de Funès, petites et grandes vadrouilles (éditions Robert Laffont).

OS PAXAROS DEIXAN O NIÑO


María Teolinda, a filla grande de Leonor Soto, xa encamiñara o seu mañá. Traballaba como modelo e cultivaba as altas amizades.

A Louis Germain, o fillo pequeno, sen carreira nin oficio, as cousas non lle roulaban tan ben.
Achegábase aos trinta anos, divorciado e cun raparigo (quen morreu en xaneiro de 2017), e probara sorte en diferentes empregos, o último como decorador de aparadores. Co estalido da guerra o mundo non estaba para aparadores e choio non había.

Daquela, as clases de piano que a Leonor lle procurara de neno resultaron providenciais, pois un restaurante de Neuilly contratouno algunhas noites para animar a freguesía. Iso decidiuno a probar sorte noutros locais e foi atopando traballo. 

Dábanlle de comer, mais a paga era tísica, dez francos vellos por noite, e nalgún dos locais por noite significaba tocar desde as cinco da tarde até as cinco da mañá coas pausas mínimas imprescindíbeis. Mal pagas e, por riba, perigosas en ocasións, pois nos bares de Pigalle, desde que o alcool caldeaba os miolos, comezaban as liortas; o mobiliario, vasos e botellas mostraban tendencia a voar e ás veces había tiros.
 


O fraco da paga compensábase coa oportunidade de coñecer xente e de facer amigos entre os afeccionados ao jazz e no mundo da farándula.
Un destes, vendo que gañar algúns francos non lle viría mal, propúxolle ofrecerse nos estudios de cinema como figurante. Pagábanlles catro patacos e xeralmente participaban nunha escena, é dicir, unha mañá de choio, aínda que se o fulano de produción era amigo, facíase o louco e apuntáballes dúas para que embolsasen un chisco máis.
  

A paga mellorou cando pasou de ser un figurante posto alí para facer vulto a un figurante que dicía algunha palabra ou unha pequena frase, como en Les compagnes de la nuit (1953), onde estaba a botar unha partida de cartas no momento do crime e os policías lle preguntan se viu algo.

Herdeiro da forza de vontade da súa mai, pronto chamou a atención nos platós pola súa perseveranza e polo afervoamento co que interpretaba aqueles papeis mínimos que lle ofrecían, proporcionándolles ás personaxes unha xesticulación rica e orixinal.
Sacha Guitry, o corrosivo rei do cinema e do teatro na época, foi unha das persoas que reparou nel e que lle ofreceu pequenos papeis nos seus filmes e nunha peza de teatro.
Desta maneira, comezou a aparecer no xenérico, primeiro só co apelido e despois, ao principio dos anos 50, tamén co nome: Louis de Funès (o acento fora engadido en Francia por razóns de prosodia).       
                                                                                                                                                             -segue-
 
 
FOTOS E TAL
1) A filla de Leonor Soto Reguera, María Teolinda Leonor Margarita, contra 1938.
2) Louis de Funès na época de piano e penuria que relembraría a miúdo.
3) LDF nos anos 40.
4) Sacha Guitry era un tipo orixinal. Nos seus filmes igual contaba el a historia de cabo a rabo, sen diálogo ningún (Le roman d’un tricheur), ou nos dez primeiros minutos do filme unha serie de actores célebres, alleos ao argumento, ían soltando esas frases características de Guitry –tipo: o peor que lle podes facer a alguén que che rouba a muller, é deixar que se quede con ela (Faisons un rêve)–, ou dicía el de viva voz o nome dos actores e técnicos que participaban no filme coas súas respectivas funcións, o que Jean-Luc Godard imitaría anos despois en Le mépris.