Din na radio que nos océanos xa hai un quilo de plástico por cada tres quilos de peixe.
Confeso que me apampan este tipo de estatísticas.
Resulta que hai un fulano que pesou todos os peixes do mar! E ademais tívoos que pesar o mesmo día, porque se non os que pesara a véspera poderían ter sido pescados ou chapados e o cálculo sería incorrecto. E tamén pesou todo o plástico. Que artista, o tío! Atácanme as maniotas só de pensalo.
Debe ser unha especie de Tarzán dos mares. Mergulla a chola, dá un berro subacuático e veñen todiños os peixes. Pónos en ringleira e pásaos un a un pola báscula informatizada, con moito ollo, pois nunca falta o clásico peixe bromista que ao acabar se che pon de novo á cola e se pesa cinco veces. Os peixes son moi caralláns. Como se aburren de estar todo o día na auga...
Isto lembroume unha estatística de hai tempo segundo a cal a cantidade de formigas na Terra é tal, que o peso de todas elas é igual ao peso de todas as outras especies xuntas.
Apampanante, non? Resulta que hai outro ghicho que pesou todas as formigas da Terra e o resto das especies! Para iso debe cumprir unha paciencia tan grande que o fai digno de admiración!
Por riba, no caso dos peixes, nótese a exactitude: tres quilos por un. Que precisión! Iso probas a facelo á mantenta e non che sae nin tolo.
Tamén se debe dicir unha cousa: o tipo ese dos peixes é un pouco cabrón. Porque, unha vez que refuciu os pantalóns para meterse na auga e pesar todo o plástico que hai nos océanos, non lle custaba traballo ningún aproveitar para sacalo e deixar a auga limpa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario