O OLLO PECHO E OUTRAS HISTORIAS DESAGRADABLES



(Publicado en COLÓQUIO)
Autor: Xesús González Gómez
(…)
O ollo pecho é o primeiro relato do volume. É a historia dun marxinado, dun pequeno delincuente. A partir de aquí o A(utor) deita na escrita dúas cousas: unha conceición tráxica do acontecer e mais unha linguaxe vívida, viva, moderna. A conceición tráxica do acontecer que deitan as narracións ven dada porque non há nos personaxes narrativos nen esperanza nen fe: todo é falso. E esta falsidade é suliñada polo que pensa Rauleme, o protagonista do relato: o sistema engole todo, mesmo o contra-sistema, daí que non haxa esperanza, daí que Rauleme sexa un personaxe tráxico como tráxicos son todos os seus actos (e as consecuéncias destes actos). Porque ao cabo, todos os protagonistas destes relatos levan, como os personaxes da traxédia clásica, en si próprios os elementos da sua própria destrución, ainda que sexan "destruidos" por outra mao.Mas, aparte desta conceición tráxica (a primeira na literatura galega moderna), o A. ten un dominio total das técnicas narrativas que lle permeten contar liñalmente a sua história a meio de montaxes várias e un certo uso de flash-back, conseguindo en certos momentos desestruturar o tempo narrativo. E, finalmente, há un domínio da língua que leva ao Autor a forzar os seus límites léxicos e peder axuda (como debe ser) ao portugués (vexa-se o apéndice sobre a xerga usada nesta narración.) O ollo pecho é, xa que logo, unha pequena obra mestra, pola linguaxe, polas técnicas narrativas, pola descrición interna do personaxe principal e porque se introduce, por vez primeira, unha conceición tráxica do acontecer na narrativa galega. Nunca se ve nos relatos do A. o camiño que conduce da noite para a aurora, ou, talvez —con grande clarividéncia— o narrador ven dicer que non existe aurora, abrente, que tudo é noite. Noite fecha e escura.  

O segundo relato, Flamingo, é o máis frouxo do volumen. Unha história xa contada, dunha ou outra maneira, muitas veces. (…) Ven despois A señorita R, un relato traxi-cómico; non contén o pesimismo da primeira narración ou este está apagado por un humor (humor negro) que atravesa o relato non deixando ver as arestas máis duras deste. (…)
A cuarta narración, Saída ao espacio exterior, pode ligar-se coa primeira tanto en canto a conceición tráxica do A. revéla-se máis que en O ollo pecho. (…) Agora ben, para os espíritos clasificadores surxe unha incógnita: relato de ficción científica (co que o A. sería o pioneiro deste xénero literario na Galiza) ou relato pesimista sobre o porvir da humanidade? Sexa o que for, é unha — outra — pequena obra mestra do narrador. Onde se demostra que o galego pode, e debe, server para narrar histórias de hoxe, de xente da rúa, histórias sinxelas que poden ter, ou poden denunciar, unha visión tráxica da existéncia humana. Cousa que denúncian os presentes relatos, e sobretudo o último, o que fecha o volumen: Historia breve dun home sen sorte, onde o título, que poderia parecer humorístico, choe en si esa conceición tráxica da existéncia do A. (…)
O ollo pecho e outras historias desagradables é un dos títulos narrativos galegos máis importantes dos últimos anos. Primeiro porque a cidade marxinal entra con voz própria na narrativa galega. Segundo porque introduce na narrativa en língua galega unha conceición tráxica da existéncia (e do devir) humana; unha conceición tráxica tinxida, tal e como a traxédia, de humor. E, terceiro, porque o autor alarga as fronteiras do idioma sen necesidade de arcaísmos inúteis ou de inventar palavras inexistentes (cousa que aconteceu, e ainda acontece, na literatura galega; uns por medo a cair nas maos —estrañas— do castellano; outros por unha lusofobia incomprensível).
-