O INFORME DO EMPREGADO MENDES

(Publicado en A NOSA TERRA)
Autor: X.M. Eyré

Hai unha cousa, neste libro que me resulta fascinante. Non se trata dos típicos contos para nenos. Moita ilusión e moita fantasía, case sempre repetindo esquemas, en todo caso un narrador virxe, non contaminado. E non é este o caso. Hai ilusión e fantasía, si, e das boas. Porén, a clave está no narrador. Que este si é un narrador contaminado, contaminado da experiencia de vivir, que lle ensinou que a vida está chea de lagos azuis, de ríos cantareiros, de flores marabillosas, de bicos azucrados, pero tamén de bágoas, de inxustizas, de guerras, de fame, de miseria moral, de dentes regañados, traizóns e egoísmos que por aquí e por alá campean soberbios sen visos de que cabaleiro andante lles coute os pasos que esmagan. A vida hai que vivila sabendo que nin hai cabaleiros andantes, nin príncipes azuis, nin princesas-premio, nin fadas bondadosas, nin talismáns salvadores nin cousa que se lle pareza. Malia todo, tollerlle a un cativo a esperanza, a maxia, a marabilla, impedirlle os soños cunha labazada de realismo desenganador, é crueldade intolerábel sen que unha delas anule a outra, facelo ademais sen contradicir o xénero senón apoiándose, valéndose del, non é tarefa nin moito menos doada. E deste reto sae moi ben parado José Mondelo neste mangadiño de sete contos para cativos que titula O informe do empregado Mendes que, pola súa cativeza, polo seu escaso corpo físico, corre risco de pasar desapercibido, cousa que o penalizou sempre a pesar de que cada un dos títulos que deu a luz este autor posúen
interese innegábel e mesmo hoxe é o día en que o seu Ollo pecho (en O Ollo pecho e outras historias desagradables) non foi superado.
(...)
Este clima está logrado con iso que adoito se vén chamando economía de recursos. A prosa de José Mondelo necesita moi poucos adobíos, baseada nunha selección léxica moi ben pensada, que en todo momento se percibe como natural, condúcenos polas historias coa maxia da vertixe dun carrusel, mais, con extremada delicadeza, non renuncia a deixar cravado no lector o proído da necesaria reflexión, unha reflexión de índole realista, si, desenganada, si, mais na que as Itacas seguen sendo necesarias.
Cada unha das sete historias loxicamente, desenvólvese a partir de estruturas e personaxes típicos dos contos. É máis, a bo seguro que os cativos non refugarán ningunha delas, aínda que para un lector adulto sexan tan fondamente críticas como Houbo unha vez un anxo malo, a medio camiño entre a parábola, o resumo, a parodia ou o conto, contundentemente crítico e desmitificador, sobre todo nese remate que non deixa de abraiar, de abalar.
De entre elas, a segunda (Conto de abril) é quen de salientar, á vez que relativiza, o valor da fantasía, da maxia. Por último, a que pon cabo ao libro, á vez que lle dá título, lembra o conto do traxe marabilloso, actualizándoo mediante unha reinterpretación atemporal, e recordando que o importante non é so o que está escrito senón o que o lector le.
Este Informe do empregado Mendes posúe, ademais, unha lectura adulta tan fascinante como a dun cativo, e sería mágoa que por ser édito nunha colección para cativos pasase desapercibida. Cun engadido, lonxe de referirnos á posibilidade de proxectar unha lectura adulta de contos para nenos, aquí a lectura adulta está tan presente como a infantil.
Poucos, moi poucos e escollidos títulos deste xénero, fan gala dunha maxia tal.