XELA ARIAS EXPRESS


Carta visual de Xela Arias, vestixio dos meus tempos de correspondencia surralista con xente diversa. Todos temos un pasado.


A ESTRAÑA DIGLOSIA DA VACA GALEGA

 Desde que a RAG converteu munxir en muxir, e muxir en bruar, a vaca galega presenta unha estraña diglosia.

Cando a vaca se acha no ámbito familiar, muxe (con conxugación non adulterada) ou amúa coma fixo toda a vida, e polo tanto fai muuuuuuu. 

Porén, cando se atopa en feiras ou outras convencións sociais dunha certa etiqueta, a vaca galega exprésase normativamente e brúa, e polo tanto fai bruuuuuuu.

A vaca galega reintegracionista unicamente muge. Presume de prosapia.

ESCAGANIFOBETICAMENTE FALANDO

Crúzome na rúa con Lourenzo Mendes.

O Lourenzo é un buscador de palabras raras.  

Cando atopa unha, sóltaa na primeira xuntanza que teña cos amigos, veña ou non a conto. O bo das palabras raras é que, ao non saberen os demais o que significan, pódense empregar en calquera contexto.

Da súa euforia de hoxe, colixo que a derradeira peza que achou paga a pena.

—Escoita ben a palabra que acabo de atopar:  

ESCAGANIFOBÉTICO.

Fico coa boca aberta.

—Sabes o mellor?... Que tamén ten un significado positivo. Iso quere dicir que podería haber un diálogo entre dúas mulleres máis ou menos así:

          «Ai o meu fillo, aí onde o ves, éche moi escaganifobético».

          «Quitáchemo da boca, muller. Ora mesmo che ía eu dicir o escaganifobético que sempre me pareceu ese rapás».

Ponme a man no ombro.

—Hai algo máis sorprendente aínda… A palabra ten adverbio.

—Non!

Asente coa pucha.

—ESCAGANIFOBETICAMENTE.

Non o podo crer!

—Dáste de conta: escaganifobeticamente. Semella  unha desas palabras da parte da India. Que esas si que son palabras e non a merda monosilábica do inglés

LÍBRANOS DO BEN

«En nome do Ben, o consumidor, o cidadán, o condutor, os pais e evidentemente o macho heterosexual van ser reeducados.

En nome do Ben, vaise modificar o vocabulario, vaise prohibir o uso de certas palabras e potenciar o de outras, mudar a sintaxe, reescribir a historia, censurar informacións, obras de arte, autores.

En nome do Ben, vaise controlar a sexualidade, facer desaparecer a distinción entre os sexos.

En nome do Ben, e grazas á ciencia, prepárase o advento dun home mellorado sen ascendencia nin descendencia.

En nome do Ben, cumprirá ser transparentes, expor a vida privada nas redes sociais, particularmente cando se quere exercer unha actividade pública ou mediática.

En nome do Ben, as probas non deberán ser presentadas pola acusación, senón que lle corresponderá ao suposto culpábel demostrar a súa inocencia.

En nome do Ben, as nosas liberdades, todo o que constitúe a nosa democracia e o pracer de desfrutala, van desaparecer para deixarlle o seu lugar a esta forma sutil de opresión totalitaria.»

 

Foto e texto reproducidos do libro DÉLIVREZ-NOUS DU BIEN ! Halte aux nouveaux inquisiteurs, de Natacha Polony e Jean-Michel Quatrepoints – Éditions L’Observatoire.