Crúzome na rúa con Lourenzo Mendes.
O Lourenzo é un buscador de palabras raras.
Cando atopa unha, sóltaa na primeira xuntanza que teña cos amigos, veña ou non a conto. O bo das palabras raras é que, ao non saberen os demais o que significan, pódense empregar en calquera contexto.
Da súa euforia de hoxe, colixo que a derradeira peza que achou paga a pena.
—Escoita ben a palabra que acabo de atopar:
ESCAGANIFOBÉTICO.
Fico coa boca aberta.
—Sabes o mellor?... Que tamén ten un significado positivo. Iso quere dicir que podería haber un diálogo entre dúas mulleres máis ou menos así:
«Ai o meu fillo, aí onde o ves, éche moi escaganifobético».
«Quitáchemo da boca, muller. Ora mesmo che ía eu dicir o escaganifobético que sempre me pareceu ese rapás».
Ponme a man no ombro.
—Hai algo máis sorprendente aínda… A palabra ten adverbio.
—Non!
Asente coa pucha.
—ESCAGANIFOBETICAMENTE.
Non o podo crer!
—Dáste de conta: escaganifobeticamente.
Semella unha desas palabras da parte da India. Que esas si que son palabras e non a merda monosilábica
do inglés
Ningún comentario:
Publicar un comentario