LECTURAS RECOMENDABLES

Na Rusia postsoviética, coas mafias político-económico-criminais impóndose no país, algúns oligarcas deciden buscar un home enérxico, ao gusto do pobo ruso, para que dirixa a nación, poña orde e, de paso, defenda os intereses dos oligarcas que lle van dar o poder.
 
Escollen un home dos Servizos de intelixencia, Putin, pola súa experiencia e carácter, ao que esperan ir axeitando para que exerza o papel que para el teñen previsto.
 
O problema máis importante naqueles días constituíano os Chechenos, quen, para atinxiren a independencia da súa república, levaran o terrorismo a Moscova causando centos de mortos ao voaren edificios civís.

Cando os asesores lle advirten ao elixido que ande con ollo con ese asunto, pois xa lles complicou o mandato aos seus antecesores, el responde que solucionará o problema porque vai combater os chechenos, mais non ao estilo americano, con ataques cirúrxicos a obxectivos determinados, senón cunha guerra tradicional, é dicir: unha guerra sen prensa na que calquera individuo ou propiedade será un obxectivo bélico e os posibles danos colaterais non se terán en conta.

Quen o escolleron comezan a comprender que o monicreque que crearon axiña romperá as cordas e que, no futuro, oporse aos seus desexos vai resultar perigoso e mortal.

Interesante novela sobre as comenencias, os intereses, as mentiras e as manipulacións do poder escrita por un autor con experiencia no tema.

Segundo un criterio bastante xeralizado, Le mage du Kremlin debeu levar o premio Goncourt do 2022. A liga da igualdade e bos costumes decidiu, conforme aos tempos de posturismo que corren, darllo a Brigitte Giraud por Vivre vite, obra definida por un membro do xurado como unha noveliña de pobre escritura.

HETEROSEXUAIS, ESPECIE PROTEXIDA

Considerando a alarmante penuria demográfica de Galicia, a Xunta debería declarar, con carácter de urxencia, os heterosexuais como especie protexida, e crearlles hábitats de lecer propios que facilitasen o seu apareamento e superviviencia.

TEORÍAS IRREBATIBLES

 

 A forza de silenciar todas as opinións contrarias a unha teoría, acabamos crendo que a teoría é incontestable e mundialmente aceptada.

TEN VOSTEDE UN ÚTERO?

Nalgunhas universidades do chamado mundo occidental acordaron que a existencia de xéneros sexuais é un calote puramente cultural que non se corresponde con nada da realidade, con nada da natureza. Consecuentemente, falar de homes e de mulleres, de masculino e feminino, é un convencionalismo arcaico e reaccionario do que se debe fuxir. 

O anterior, inflúe na linguaxe con resultados coma estes:

Programa de festas do ano 2021 nunha poboación catalá:

«Veciños e veciñas traballaron con entusiasmo para que estas festas sexan...»

Programa da mesma poboación no 2023:

«O tecido social e cultural [da vila] entregouse de cheo para a celebración destas festas...»

Os veciños e veciñas son agora un amorfo tecido social.

Obsérvese que o tecido cultural e o tecido social parecen ser dous elementos diferentes, o que alegrará os culturetas, convencidos como están de seren o pulmón do mundo.

Máis chocante é o caso do goberno belga, quen, para eludir a palabra muller nunha campaña de prevención do cancro de útero, empregou este slogan:

Está vostede entre os 25 e os 64 anos e ten vostede un útero?

 

A MECÁNICA ELECTORAL

A cousa funciona así: 

Primeiro, inventan un terrible perigo que nos ameaza. Despois, tentan convencernos de que eles son a única solución a ese perigo. 

O truco é rudo e vello, como todo en política, mais, incriblemente, acostuma a dar bo resultado.