A MULLER OCCIDENTAL

 

 

Nas mulleres occidentais cúmprese o vello principio que di:

Canto menor é a opresión, maior é a sensación de sentirse oprimidos.

PATRICK MODIANO

 

 

 

 

Pregúntome como sería a obra literaria de Patrick Modiano se o pasado non existise e as rúas, en lugar de teren un nome, se identificasen só mediante un número.

MANTENDO AS TRADICIÓNS

Séntase a xantar nun restaurante galego, non ve ningunha mosca voando arredor da mesa nin mosquito ningún voando arredor do vaso e, indignado, presenta unha reclamación.

GRANDE VLADIMIR

O 23 de xuño pasado, o xefe dos mercenarios Wagner, Yevgueni Prigozhin, rebelábase contra o poder central ruso.

O 23 de agosto, xusto dous meses depois, Prigozhin morría nun accidente de aviación.

Reconforta ver que o gran Vladimir non perde reflexos co paso dos anos. Só sesenta e un días lle levou a resolver completamente o problema.

 

LECTURAS RECOMENDABLES

Na Rusia postsoviética, coas mafias político-económico-criminais impóndose no país, algúns oligarcas deciden buscar un home enérxico, ao gusto do pobo ruso, para que dirixa a nación, poña orde e, de paso, defenda os intereses dos oligarcas que lle van dar o poder.
 
Escollen un home dos Servizos de intelixencia, Putin, pola súa experiencia e carácter, ao que esperan ir axeitando para que exerza o papel que para el teñen previsto.
 
O problema máis importante naqueles días constituíano os Chechenos, quen, para atinxiren a independencia da súa república, levaran o terrorismo a Moscova causando centos de mortos ao voaren edificios civís.

Cando os asesores lle advirten ao elixido que ande con ollo con ese asunto, pois xa lles complicou o mandato aos seus antecesores, el responde que solucionará o problema porque vai combater os chechenos, mais non ao estilo americano, con ataques cirúrxicos a obxectivos determinados, senón cunha guerra tradicional, é dicir: unha guerra sen prensa na que calquera individuo ou propiedade será un obxectivo bélico e os posibles danos colaterais non se terán en conta.

Quen o escolleron comezan a comprender que o monicreque que crearon axiña romperá as cordas e que, no futuro, oporse aos seus desexos vai resultar perigoso e mortal.

Interesante novela sobre as comenencias, os intereses, as mentiras e as manipulacións do poder escrita por un autor con experiencia no tema.

Segundo un criterio bastante xeralizado, Le mage du Kremlin debeu levar o premio Goncourt do 2022. A liga da igualdade e bos costumes decidiu, conforme aos tempos de posturismo que corren, darllo a Brigitte Giraud por Vivre vite, obra definida por un membro do xurado como unha noveliña de pobre escritura.