MACRON, O CANDIDATO DO AZAR

Ao pouco de deixar Emmanuel Macron o goberno de François Hollande, onde era Ministro de economía, comezou a correr o ruxerruxe de que se presentaría as eleccións presidenciais do ano seguinte, 2017.

Faltaban só uns meses e non tiña nin partido nin programa. Aínda así el alimentou a dúbida e converteuse no que se chama un candidato da prensa. Unha parte da prensa, pola que se deixaba fotografar e querer acotío, presentábao como candidato ideal polo seu perfil e xuventude.

Finalmente anunciou a súa candidatura para as eleccións presidenciais e creou, ad hoc, o partido La République En Marche. As súas posibilidade eran nulas. Non só de gañar, senón tamén de atinxir o 5% dos votos que os partidos precisan para que o Estado lles reembolse os gastos da campaña.

Foi daquela cando o azar comezou a intervir na sorte do cidadán Macron.

François Bayrou
François Bayrou

Alain Juppé, o candidato de Les Répuplicains, o partido de dereitas de Sarkozy, tiña todas as posibilidades de gañar. Por desventura, para eles, decidiron facer unhas primarias. Primarias nas que François Fillon derrotou por sorpresa a Juppé, o candidato oficioso. O un tanto viraventos François Bayrou, un dos que apoiaban abertamente a candidatura de Juppé, foi o primeiro en reaxir declarando que o seu partido, o MoDem, non apoiaría a Fillon senón a Macron. Para acabar de arranxalo, Fillon cometeu o erro de meterse con Sarkozy nun dos seus discursos, co gallo das causas xudiciais que este tiña abertas por corrupción. Resultado? Numerosos sarkozistas marcharon con Macron.

E así foi como, sen comelo nin bebelo –aínda que pactando compromisos, porque Bayrou non fai agasallos–, Emmanuel Macron se atopou cuns millóns de votos. Porén, eses votos non chegaban para quedar entre os dous partidos máis votados, o que lle permitiría pasar á segunda volta.

O azar resolveu daquela darlle outra axudiña ao cidadán Macron.

Os socialistas, que tiñan como candidato o español Manuel Valls –discutido primeiro ministro por algunhas leis polémicas durante o seu mandato–, que decidiron? Pois decidiron facer unhas primarias. A historia recunca. O candidato oficial é esmoucado polo representante dos inconformistas do partido, o anódino Benoit Hamon, que ten un carisma semellante ao dunha alpargata nunha xanela. Tras o desastre, Valls anuncia que non vai soster o seu correlixionario Hamon e pide o voto para Macron. Hollande, presidente socialista saínte, deixa entrever que fará outro tanto (partidos que votan contra eles mesmos, o que se chama lóxica democrática).

Marine Le Pen
E esta vez si, despois da segunda carretada de votos chovidos do ceo, Macron tiña posibilidades de chegar á segunda volta. Os seus adversarios máis perigosos eran Fillon e Marine Le Pen. Os fados, nesta ocasión coa axuda dalgunha man misteriosa, volven intervir. Alguén pon en mans da publicación Le Canard Enchaîné un informe sobre os cartos públicos percibidos pola muller de Fillon en empregos ficticios propiciados polo seu home.

A popularidade de Fillon enfraquece máis e a Macron fícalle só unha adversaria: Marine Le pen, a representante do partido da dereita radical Front National.

Chegar á segunda volta co Front National é o escenario desexado por calquera político, pois a partir dese intre xa non cómpre ter nin ideas, nin programa nin nada de nada. Chega con lanzar a mensaxe do medo: Votádeme porque se non gaño eu virá o coco. Abonda con repetir iso e a vitoria está asegurada por uns clixés sociais que pouco teñen que ver cunha análise seria.

E deste xeito gañou as eleccións un candidato que un ano antes dos comicios non tiña nin programa, nin partido nin posibilidade ningunha de vencer.

Antollos do azar.

Éric Zemmour
Para as presidenciais que se celebran hoxe, dez de abril do 2022, a campaña de Macron foi vaga e frouxa, se cadra porque as intencións de voto o daban como favorito desde os primeiros días e semellaba non ter competidores rexos. Intensificouna máis tarde debido a que a candidatura do polémico e interesante xornalista Éric Zemmour, con propostas radicais referentes á soberanía nacional e ao control da inmigración, fixo que o Rassemblement National (o antigo Front National) de Marine Le Pen, que xa amornara moito o seu discurso respecto do de 2017, aparecese, por comparación coas propostas de Zemmour, como unha dereita máis moderada, o cal o fixo subir nas enquisas de intención de voto até achegalo moito a Macron. De aí que este non agardase a segunda volta para botar man da mensaxe do medo e leve días repetindo: Votádeme que se non gaño eu virá o coco, que é moi mao e havos comer.

Xa se sabe que, desde o punto de vista intelectual, as multitudes son entes sumamente primarios.

 

QUE CHE CONTAN NUNHA NOVELA POLICIAL?

Dinme un par de lectores que, en Soamente unha vez, son excesivamente crítico coa verosemellanza das novelas policiais.

Na novela policial, como nas demais novelas, hai autores que senten un gran respecto polo lector, e coidan a verosimilitude, e outros que pensan que o lector traga co que lle boten e polo tanto non hai necesidade de se eslombar.

A credulidade do lector vén ás veces dada polo descoñecemento do tema tratado, e resulta comprensíbel. Tomemos como exemplo unha novela detectivesca que se publicou hai uns anos. Se alguén fixese na vida real o que fai a protagonista desa novela, antes de setenta e dúas horas estaría detido e posto a disposición xudicial por un delito continuado e gravísimo de ocultación de probas e obstrución á xustiza. Obviamente, un lector non ten por que coñecer as diferentes lexislacións e pódenselle escapar incongruidades coma esta. No caso dun crítico sería máis discutíbel, pois suponse que debe coñecer a materia que xulga para que non lle dean estopa por liño (quitado que a súa crítica sexa exclusivamente técnica, é dicir, sobre a linguaxe e a estrutura narrativa da obra).

Volvendo a Soamente unha vez e a se os comentarios do seu protagonista sobre a consistencia das novelas policiais son excesivos ou non, voume referir á última que lin: Travail soigné.

A base argumental desa novela é, grosso modo, a seguinte:

Alguén comete unha sarta de asasinatos. Cada un deses asasinatos agocha unha pista, de xeito que cando o policía que os pescuda as descifre, descubrirá que a derradeira vítima vai ser el.

Por certo, esta base argumental (2010) é cuspida á do filme americano The Bone Collector (1999), só que o asasino da novela francesa copia cada un dos asasinatos dunha novela diferente mentres que o asasino do filme americano vai reproducindo todos os asasinatos dunha mesma novela. 


 Nos dous casos a gaitada é semellante porque, ollo co que nos están a contar!:

Unha persoa quere vingarse dun policía. En lugar de actuar dereitamente contra el e consumar a vinganza, o que fai é cometer unha serie de asasinatos. En cada un deses asasinatos déixalle, ou constitúe, unha pista para que, unha vez descifrada, o policía chegue a conclusión de que a derradeira vítima vai ser el.

É dicir: o asasino quere vingarse de alguén, e xa de paso aproveita para matar alegremente catro ou cinco persoas que pasaban por alí e que non teñen nada que ver co asunto.

Ese xogo absurdo ten un risco. A finalidade do criminal é a vinganza, e se o collen despois do primeiro asasinato, non só non se vinga senón que vai oito ou dez anos á gaiola. E se o collen despois de terceiro crime, non só non se vinga senón que lle cae unha cadea perpetua, o que no caso do filme, que decorre nos EUA, significa que o asasino vai saír do cárcere cando morra e camiño do cemiterio.

Que debe facer un lector crítico ao atoparse con algo así? Dicirlle ao autor: pero ti que me estás a contar, Nicolás, e pórse a ler outra cousa?

Debe salaiar con resignación e dicir: vale, por esta vez aceptarei bolígrafo como ferramenta agrícola, e continuar coa lectura?

Ou debe pensar, como dicía hai pouco un crítico francés, que unha novela policial é un divertimento de fin de semana ao que tampouco hai por que pedirlle máis? 

O MUNDO VAI MAL

Epidemias, pandemias, guerras...

O mundo vai mal.

Mais, como dixo un célebre historiador, iso non debe preocuparnos, xa que o mundo ben nunca foi.

AS CINCO PALABRAS MÁIS BUSCADAS NA RAG

 Segundo a páxina da RAG, as cinco palabras máis buscadas no seu dicionario hoxe, 17-2-22, foron as seguintes:

Soma

cona

pene

cuncha

máis

 

Que nivelazo!

Só faltan cu e puta para atinxir a matrícula de honra.

ALBERTE MONTES

 
Obrigado, Alberte Montes