Aconteceu nun mesón de Vilagarcía da Arousa:
Unha moza séntase nunha mesa e pide unha auga mineral.
En Galicia, terra de augas minerais variadas, a camareira sérvelle unha auga… catalá.
A moza pide logo algo para comer.
A camareira pon sobre a mesa un manteliño de papel no que aparece a expresión BON PROVEITO en catro linguas: francés, alemán, español e… catalán.
A Galicia parva do cu en estado puro.
PERO EN MANS DE QUEN ESTÁN OS DICIONARIOS?
Procuraba eu nun dicionario galego sinónimos de chocolate, esperando encontrar voces como cacao, bombón, onza, libra, larpeirada, lambiscada, etc., e atopeime coa sorpresa de que os únicos sinónimos de chocolate que coñece o autor dese dicionario son: costo, hax e haxix.
(Hai que dicir, en xustiza, que entre os sinónimos de francés si que inclúe galo. Algo é algo...)
(Hai que dicir, en xustiza, que entre os sinónimos de francés si que inclúe galo. Algo é algo...)
OS FILÓLOGOS E AS VOCES POTENCIAIS
Eu tiña dos filólogos unha imaxe de xente pouca seria tras ler nun dicionario portugués que a palabra carambola procede do francés (carambole), e nun dicionario francés que carambole procede do portugués (carambola).
A miña opinión verbo deles mudou cando lle botei un ollo á primeira normativa da lingua galega. Alí podíase ler nunha páxina que, entre as variantes A e B dun vocábulo, se escollía como normativa a forma A, xa que se ben a forma B era a máis habitual no galego moderno, a forma A era a de maior tradición histórica.
Máis adiante indicábase que entre as variantes E e F doutra voz, se optaba pola forma E como normativa, pois se ben a forma F correspondía a unha maior densidade demográfica, o uso da forma E dábase nunha maior extensión xeográfica.
Na páxina do lado enunciábase que entre as variantes G e H doutra palabra, se elexía como normativa a forma H, pois se ben a forma G ocupaba unha maior extensión xeográfica, a forma H tiña máis presenza demográfica.
Apampado por este rigor de criterios mudei de parecer e ademais descubrín as voces potenciais.
Se un vocábulo presenta dúas variantes, unha que se utiliza, poñamos por caso, nos montes de Lugo e Ourense e a outra nas cidades da Coruña e Vigo, esta última ten, desde logo, maior presenza demográfica, o que podería xustificar a escolla como voz normativa. Mais, dado que a variante dos montes de Lugo e Ourense se emprega acotío mentres que un pode pasar o día enteiro polas rúas da Coruña ou Vigo sen sentirlle a ninguén unha papa de galego (quitado que por galego se entenda Ciao e outras délicatesses plurilingüísticas), encontrámonos con que a variante demográfica do vocábulo en cuestión é unha voz potencial, posto que sería a usada na Coruña e Vigo no caso hipotético de que algún día a esa xente se lle ocorrese falar galego por un ataque de desorientación mórbida, quenturas tifoides, obnubilación circunstancial ou outra calamidade polo estilo.
IMBECILIDADES POLÍTICAS
CANDO OS MÉDICOS FUMABAN CAMEL
Que tempos aqueles cando CAMEL, na súa publicidade de 1946, fachendeaba de que, segundo unha enquisa feita de costa a costa entre máis de 113.597 médicos estadounidenses verbo da marca de tabaco que preferían, a maior parte deles optaban por Camel. E non só os médicos de familia ou os cirurxiáns, senón tamén os otorrinolaringólogos. Porque, como o anuncio subliña, é a túa gorxa quen che dirá canto debes fumar…
Tempos de locais con fumaredas espermáticas, cheiros recios, voces femininas á clara de ovo, pianos lambeconas, trompetas mingas e coxas de leite… E tamén de médicos amigos que fumaban e che ofrecían tabaco. Se un médico te convida a un pito, unha de dúas: ou o tabaco non é tan mao ou o médico é un cabrón.
(Reprodución gráfica collida de All-American Ads of the 40s [Jim Heimann, W.R. Wilkerson III])
Tempos de locais con fumaredas espermáticas, cheiros recios, voces femininas á clara de ovo, pianos lambeconas, trompetas mingas e coxas de leite… E tamén de médicos amigos que fumaban e che ofrecían tabaco. Se un médico te convida a un pito, unha de dúas: ou o tabaco non é tan mao ou o médico é un cabrón.
(Reprodución gráfica collida de All-American Ads of the 40s [Jim Heimann, W.R. Wilkerson III])
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



