Chegou a hora de que tamén en Galicia comecemos a reescribir os nosos clásicos para limpar os seus textos de elementos vergoñosos, reaccionarios e perturbadores.
Vexamos estes versos:
Este vaise i aquel vaise
E, todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Texto profundamente machista de Rosalía de Castro, onde se nos di que Galicia é obra dos homes, e que se os homes se van, as mulleres non serán quen de sacar Galicia adiante, ergo que son seres secundarios e inútiles.
Peor aínda: estes versos estanse a ler actualmente nas escolas, o que mostra a neglixencia do persoal docente, malia que, ademais do anteriormente exposto, conteñen un verbo violento que pode traumatizar a mente en formación dos escolares: traballar, palabra con fondas connotacións capitalistas, opresoras e escravistas.
En futuras edicións da obra de Rosalía de Castro, e co fin de limpar a nosa literatura de expresións e contidos retrógrados, estes versos deberán publicarse así:
Este, esa i aquelæ vanse
E, todos, todas, todæs se van.
Galicia, sen seres humanos de calquera xénero, raza, relixión e ideoloxía quedas
Que por ti poidan mirar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario