A RAG, OS ISRAELITAS E O LADINO

A RAG debería aproveitar vindeiras modificacións do seu dicionario para eliminar del a palabra Israelí e os seus significados (un dos múltiples copia-e-pega do español que aparecen no dicionario), e deixar só a voz israelita, engadindo as variantes israeliense e israeliano.

E podería tamén suprimir do dicionario a inventada acepción ladino = individuo sefardita, xa que o termo ladino fai referencia (neste contexto) unicamente á lingua e non ás persoas (confróntese co portugués, español, francés ou inglés).

Sinagoga sefardita de Exipto

GALICIA / GALICIA

A empresa Piekarnia, da Galicia polaca (www.galicia.com.pl), comeza a distribuír en España os seus produtos de marca Galicia

Compartiremos nome no mercado con esa outra Galicia á que a literatura e o cinema tanto lle deben (e os masoquistas tamén).


PARABÉNS E SUXESTIÓNS Á RAG

A RAG anuncia que, en 2022, incorpora ao seu dicionario á voz Aeroxerador... que xa aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Anuncia tamén que en Compoñedor engade a acepción: persoa que pon de acordo dúas ou máis partes… que tamén aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Parabéns; iso chámase rapidez de reflexos

E unha suxestión:

Postos a engadir acepcións, podían meter na voz Pero, o seu valor interxectivo, de amplo uso no galego popular: Pero mira que pantalóns foi pór!

TEIMA COMPARATIVA

Escribía o humorista Pierre Dac que debemos desconfiar dos restaurantes que na porta anuncian: «Aquí cómese como na casa». Para comer como na casa, opinaba el, non fai falla andar saíndo a gastar os cartos fóra.

Lembrei a frase lendo o texto de promoción dunha novela publicada recentemente, onde se nos di, para gabar o estilo do autor, que nel se aprecian as pegadas de tres ou catro grandes novelistas do século vinte.

Para ler unha prosa que lembra a de Saul Bellow, mellor prescindir de intermediarios e gastar a pasta directamente nunha novela de Bellow, autor interesante, sobre todo se un sente curiosidade polas vicisitudes da vida dos xudeus emigrados a Norteamérica na primeira metade do século vinte procedentes de Europa.

DESDE A MIÑA XANELA

 A noite desde a miña xanela, mentres de fondo soa o Easy money da orquestra de Benny Carter.

Ante paisaxes así, Amélie Poulain preguntábase cantos orgasmos habería simultaneamente nese intre fronte aos seus ollos.