A ARAÑA VIOLINISTA

Leo nun xornal que chegou a España a araña violinista.

Agora só hai que agardar a que cheguen a araña acordeonista, a araña gaiteira e a araña do tamboril e xa temos un grupo de folk.

OS DEREITOS DOS VIAXEIROS DA RENFE

Na lista dos dereitos dos seus viaxeiros, a Renfe sempre esquece pór o primeiro deles:

O dereito a chegar á hora convida.

LINKEDINITE

Os datos que sobre os autores publican alguhas novelas, cada día parécense máis a unha páxina de LinkedIn.

HUMOR EN TEMPOS DE MORTE

Descubro nun xornal israelita unha especie de broma sobre a necesidade de que as mulleres dese país durman, mentres dure a ameaza dun ataque sorpresa aéreo por parte de Irán, co sostén (en galego subdialectal: suxeitador) posto.

Causa? Porque o tempo previsto para baixaren ao refuxio do edificio en que moren vai dos sesenta aos noventa segundos, e a demora por entreterse vestindo esa prenda podería resultar fatal.

E aquí comezan as dúbidas. 

Nun transo así, ten algunha importancia vestir ou non sostén? Por que habería de pórse? Talvez por aquel vello consello que recomendaba levar a roupa interior sempre limpa e en orde para, en caso de accidente, non ter que se avergoñar diante de estraños? Ou é porque os pequenos detalles de coquetería se deben conservar até nos peores instantes? Unha especie de, como cantaba a nena, antes muerta que sencilla.

A pseudocontroversia provocou a crítica dos rigorosos, que lembraron que nunha situación tan crítica para o país como a actual, ese xénero de frivolidades está fóra de sitio.

Dous vellos puntos de vista. O de quen pensan que a morte é algo moi serio co que non se debe chancear nunca e o de quen opinan que, se hai que morrer, mellor facelo rindo que chorando.