HUMOR EN TEMPOS DE MORTE

Descubro nun xornal israelita unha especie de broma sobre a necesidade de que as mulleres dese país durman, mentres dure a ameaza dun ataque sorpresa aéreo por parte de Irán, co sostén (en galego subdialectal: suxeitador) posto.

Causa? Porque o tempo previsto para baixaren ao refuxio do edificio en que moren vai dos sesenta aos noventa segundos, e a demora por entreterse vestindo esa prenda podería resultar fatal.

E aquí comezan as dúbidas. 

Nun transo así, ten algunha importancia vestir ou non sostén? Por que habería de pórse? Talvez por aquel vello consello que recomendaba levar a roupa interior sempre limpa e en orde para, en caso de accidente, non ter que se avergoñar diante de estraños? Ou é porque os pequenos detalles de coquetería se deben conservar até nos peores instantes? Unha especie de, como cantaba a nena, antes muerta que sencilla.

A pseudocontroversia provocou a crítica dos rigorosos, que lembraron que nunha situación tan crítica para o país como a actual, ese xénero de frivolidades está fóra de sitio.

Dous vellos puntos de vista. O de quen pensan que a morte é algo moi serio co que non se debe chancear nunca e o de quen opinan que, se hai que morrer, mellor facelo rindo que chorando.

HOMENAXES

 As homenaxes deberían durar trinta minutos como moito, tempo que máis ou menos cómpre para lembrar as virtudes do ente deificado. A partir de aí comezan as repeticións, o desvarío e as baballadas. 

MÁIS PREMIOS

 

Actualmente hai tantos premios, que ninguén está libre de que nun momento de descoido lle dean un.

PREOCUPADO POR MADELEINE McCANN

Ando moi preocupado. Estamos a primeiros de xuño e o procurador público alemán Hans Christian Wolters aínda non resolveu a desaparición de Madeleine McCann no Algarve en 2007. 

Non o acabo de crer! Outros anos, a estas alturas, xa a resolvera tres ou catro veces.