PARABÉNS E SUXESTIÓNS Á RAG

A RAG anuncia que, en 2022, incorpora ao seu dicionario á voz Aeroxerador... que xa aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Anuncia tamén que en Compoñedor engade a acepción: persoa que pon de acordo dúas ou máis partes… que tamén aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Parabéns; iso chámase rapidez de reflexos

E unha suxestión:

Postos a engadir acepcións, podían meter na voz Pero, o seu valor interxectivo, de amplo uso no galego popular: Pero mira que pantalóns foi pór!

TEIMA COMPARATIVA

Escribía o humorista Pierre Dac que debemos desconfiar dos restaurantes que na porta anuncian: «Aquí cómese como na casa». Para comer como na casa, opinaba el, non fai falla andar saíndo a gastar os cartos fóra.

Lembrei a frase lendo o texto de promoción dunha novela publicada recentemente, onde se nos di, para gabar o estilo do autor, que nel se aprecian as pegadas de tres ou catro grandes novelistas do século vinte.

Para ler unha prosa que lembra a de Saul Bellow, mellor prescindir de intermediarios e gastar a pasta directamente nunha novela de Bellow, autor interesante, sobre todo se un sente curiosidade polas vicisitudes da vida dos xudeus emigrados a Norteamérica na primeira metade do século vinte procedentes de Europa.

DESDE A MIÑA XANELA

 A noite desde a miña xanela, mentres de fondo soa o Easy money da orquestra de Benny Carter.

Ante paisaxes así, Amélie Poulain preguntábase cantos orgasmos habería simultaneamente nese intre fronte aos seus ollos. 

FRASES GLORIOSAS


Voltarei á miña Normandía, o fermoso país que me deu unha cirrose.

(Christian de Calvairac)

ERNAUX, NOBEL

A Academia sueca decidiu concederlle o Nobel de
literatura a Annie Ernaux.

Como diría un francés: Il faut oser !

Nunca a crónica persoal chegara tan lonxe.

De manterse ese criterio, supoño que a seguinte escritora francesa en gañar o Nobel será Christine Angot.