POEMAS INTEMPORAIS

Maos tempos ao mundo se aveciñan
Servos serán os homes e libres as mulleres
Poucas landras, mirrados bosques, flores ruíns
Porcos fracos e infames dirixentes
feros ventos, húmidos veráns, trigo que non acaba de madurecer
Moito gado e escaso leite
Xente aborrecíbel por todas partes
Haberá maldade e crónicas matanzas
Será un mundo ermo ateigado de tumbas


(Anónimo irlandés – século 12)

 

XELA ARIAS NO ESTOXO

 

Un dos poemas de Xela Arias que dormen nos meus caixóns. Posibelmente de 1981 ou 1982.

ABANDONOS

Cando ollo un filme ou leo unha novela de trama realista e de súpeto empezan a aparecer elementos sobrenaturais, apago a televisión ou pecho o libro porque, chegados a ese punto, penso que unha de dúas: ou ben ao autor se lle esgotou a imaxinación ou ben lle comezou a facer efecto o whisky.

SOAMENTE UNHA VEZ


        

 

 

 

 

        Chacun doit se faire justice lui-même, sinon il n'est qu'un imbécile.

            Comte de Lautréamont

 


O CASO XAVIER GORCE

A cousa comezou así:

 

(Se fun violada polo medio irmán adoptivo da compañeira do meu pai transxénero convertido agora na miña mai, iso é un incesto?)

Poucas horas despois de publicar Le Monde este debuxo de Xavier Gorce, retirouno. A directora de redacción emitiu un comunicado pedindo desculpas por ese debuxo «que non se debería publicar», xa que, segundo ela, relativiza a gravidade do incesto e pode ser ofensivo para as persoas transxénero.

Ao día seguinte, Gorce, quen publicaba un debuxo acotío en Le Monde desde o ano 2002, fixo unhas declaracións explicando que, despois de matinar sobre o asunto, decidira pór fin ás colaboracións nese xornal.

Era o vinte de xaneiro pasado. No mes de maio, Xavier Gorce publicaba un opúsculo, co título Raison et dérision, no que explica as causas que o levaron a tomar aquela decisión.

Sobre as protestas dos lectores polo seu debuxo escribe:

«... segundo o que eu puiden saber, a redacción non recibiu centos de correos de protesta senón apenas quince. Digamos cincuenta para termos unha marxe de erro (moi) longa. E iso sobre 200 000 subscritores? Somos serios?» [O debuxo apareceu na versión en liña de Le Monde para subscritores].

Logo explica como se xesta a indignación nas redes sociais. Os interesados en  mover o tema, en crear o escándalo, poucos mais moi activos, póñense de acordo e comezan a producir e reproducir mensaxes indignadas sobre o mesmo. Logo toman como branco as contas dos xornalistas do periódico que publicou o debuxo para facerlles crer que hai «un tsunami de indignación pública». Créase así unha dobre presión: a das redes e a dos propio xornalistas que lle piden explicacións ao seu xornal pola inclusión do debuxo.

«Foi esta dobre presión, externa e interna, a que levou os responsábeis de Le Monde a presentar escusas incoherentes polo meu debuxo. O caso deste debuxo en particular sería anecdótico se non constituíse una nova mostra das manobras para restrinxir a liberdade de expresión, inscribíndoo nunha longa serie preocupante. Bloqueos de conferencias nas universidades, impedimentos de representacións teatrais, campañas contra profesores “incorrectos”, presión sobre os editores para impedir certas publicacións: é o conxunto da esfera intelectual a que é tomada como albo nos seus compoñentes artísticos, mediáticos, xornalísticos, editoriais, educativos...»

Sobre Internet e a realidade, comenta:

«Vivimos nun mundo mediatizado no cal a nosa relación co real mudou profundamente. A nosa “experiencia do mundo” faise a través das pantallas. Evidentemente, nós temos uns coñecementos máis vastos que os nosos antepasados, secasí, a nosa non é unha experiencia directa. E coa multiplicación de dispositivos, hai cada vez máis capas interpostas entre o obxectivo que capta a imaxe e a pantalla final.

Eis toda a ironía do dobre senso destas dúas palabras: o obxectivo nunca é obxectivo e a pantalla fai de pantalla. O que nos amosan é unha parte do real [...] un cacho, un anaco que outro escolleu».

«As pantallas forman unha fina capa invisíbel adherida á córnea, unha fina película [...] a imperceptibilidade da cal nos fai esquecer que elas non son o mundo real senón unha interface entre o mundo real e nós que ao mostrárnolo, paradoxalmente, nolo ocultan».

(Os feitos están totalmente desmentidos pola miña opinión)
Este comentario sobre Internet e a realidade lembroume unha tarde en que escoitaba eu un magazine radiofónico. As dúas horas que durou empregáronas en comentar distintos temas que aparecían ou dos que se falaba en Internet. É dicir, para os responsábeis desa emisión, o mundo exterior só existía a través de Internet. Isto, por desgraza, estase a volver habitual nos medios. Non se ten en conta que, como di Gorce, a realidade que nos chega a través de Internet foi seleccionada previamente por outros. Como non se ten en conta, cando se toma as redes como representación do parecer popular, que un millón de opinións sobre un tema determinado, supón tan só o dous por cento da poboación total do país.